Onde comprar valores do Tesoro
- A través da internet
Tes a posibilidade de comprar as túas Letras del Tesoro, Bonos e Obligaciones del Estado a través do Servizo de compra-venda online en www.tesoro.es
Podes:- Abrir unha Conta Directa.
- Comprar Valores do Tesoro.
- Traspasar valores a outra Entidade.
- Consultar e anular operacións.
- Modificar os datos persoais e de conta domiciliaria.
Para iso, cómpre estar en posesión de calquera dos certificados recoñecidos por @firma, entre eles DNI electrónico ou o Certificado Dixital Clase 2CA.
- Nas oficinas do Banco de España
Tes a posibilidade de adquirir as túas Letras del Tesoro, Bonos y Obligaciones del Estado en calquera das oficinas do Banco de España, previa cita. Neste caso, ao realizar unha operación de compra de Valores do Tesoro, abrirase unha Conta Directa.
Que é unha Conta Directa?
É unha conta de valores no Banco de España que che permitirá eliminar intermediarios nas operacións de compra e reducir gastos por comisións.
Como abro unha Conta Directa?
Pódese abrir automaticamente ao adquirir Débeda do Estado no Banco de España con DNI ou NIF, os datos da conta corrente ou cartilla para domiciliar os abonos, e o diñeiro que se vai investir en talón conformado, cheque bancario, cheque contra a súa conta corrente ou diñeiro en efectivo. Desde ese momento, poderás realizar operacións relacionadas coa compra ou a venda de valores de Débeda do Estado: comprar nas poxas, traspasar valores entre Entidades Xestoras e reinvestir en Débeda Pública.
Quen pode abrir unha Conta Directa no Banco de España?
Calquera investidor, sexa persoa física ou xurídica, residente en España sempre que non sexa titular de conta no Mercado de Débeda Pública Anotada.
Existe un investimento mínimo necesario para abrir unha Conta Directa?
É suficiente con adquirir unha Obligación, un Bono ou unha Letra (1.000 €) e tanto a apertura coma o mantemento dunha Conta Directa de Valores do Tesoro no Banco de España son gratuítas. Unicamente se pagarán comisións por transferencia de efectivo: 1,5 por mil do importe efectivo correspondente á amortización ou pago de xuros que se transfire á conta bancaria do subscritor, cun mínimo de 0,90 € e un máximo de 200 €.
En caso necesario, pódese vender antes da amortización?
Si, o Banco de España nunca realiza operacións no mercado secundario por conta dos seus clientes. Se queres vender os valores antes de vencemento, deberás traspasalos a unha Entidade Xestora para realizar a operación a través da Bolsa.
- En Bancos e intermediarios financeiros
Tamén podes adquirir Débeda do Estado a través do teu intermediario financeiro habitual: bancos, caixas, sociedades ou axencias de valores.
Neste caso as condicións e os gastos serán os propios de cada entidade.